DVD-Audio

DVD-Audio (tamén chamado DVD-A) é un formato de disco de son para gravación de son en alta definición. DVD-A non foi creado para gravar vídeo, e non debe confundirse cun DVD con música. Os primeiros discos saíron ao mercado no 2000, para combater con Super Audio CD (SACD), que é outro formato para gravación de son en alta definición, mais ningún dos dous tiveron moita fortuna.

Foi desenvolto por Pioneer e Matsushita, en colaboración doutras empresas.

O DVD-A pertence á familia do DVD (aparecido en 1997), que inclúe tamén o DVD-Vídeo (DVD), o DVD-ROM, o DVD-R e o DVD-RAM.

O DVD-A utiliza a modulación por impulsos codificados (PCM) para codificar o son (de forma dixital). Admite 6 frecuencias de mostraxe:

  • 44,1 kHz e os seus múltiplos: 88,2 kHz (44,1 kHz x2) e 176,4 kHz (44,1 kHz x4).
  • 48 kHz e os seus múltiplos: 96 kHz (48 kHz x2) e 192 kHz (48 kHz x4).

A resposta en frecuencia do DVD-A depende da frecuencia de mostraxe empregada, tal e como demostra o Teorema de Nyquist-Shannon. Non obstante, na práctica, os reprodutores aplican un filtro pasabaixo que atenúa progresivamente o sinal a partir dos 20 kHz, o límite de audición humana. Na práctica o ancho de banda útil (audible) é o mesmo que o do CD-Audio (que ten unha frecuencia crítica de 22,05 kHz, aínda que tamén se encontra filtrado desde os 20 kHz). En ningún caso pode ser comparado por este motivo (a frecuencia de mostraxe) co outro formato co que compite en alta definición de son, o SACD, dado que a tecnoloxía empregada é outra: DSD con Noise Shaping.

O rango dinámico teórico que pode admitir o DVD-A cunha cuantificación de 24 bits é duns 146,24 dB, mais na práctica é difícil que un conversor exceda unha relación sinal-ruído de 120 dB. Supera os 98,09 dB teóricos do CD e iguálase na práctica co SACD só na banda audible (ata 20 kHz), dado que a relación sinal-ruído do SACD non é constante respecto da frecuencia, con 120 dB tamén. En todo caso, a mellora audible, excepto polo potencial multicanle, é moi discutible respecto do CD-Audio e comprobouse inexistente respecto do SACD.[1][2]

  1. Audio Engineering Society Electronic Library: Proba ABX dobre-cego DVD-Audio/SACD.(en inglés)
  2. Audio Engineering Society Electronic Library: Proba ABX dobre-cego DVD-Audio/SACD. Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.(en inglés)

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search